Carballiño, Portomarín e Taboada estarán ben ASOLAGADOS este decembro 2013!!!

Pensabades que en decembro non iamos falar máis do documental? Pois se tiñades esta idea estabades ben equivocados. A xira de #Asolagados continúa 🙂 Collede papel e lapis, móbil… ou gravádeo directamente na cabeza:

ASOLAGADOS Proxeccións Decembro

CARBALLIÑO: este próximo venres 13, invitados polo ‘Cineclube Carballiño’, no Auditorio Municipal, por partida dobre: 20:00 e 23:00 horas. Os que saian tarde de traballar non teñen escusa, porque ó segundo pase chegan de sobra.. hehe.

– PORTOMARÍN: a próxima fin de semana: sábado 21 de decembro ás 18:30 horas na Casa da Cultura (convidáronnos para presentar o documental dentro das ‘Xornadas sobre a Historia de Galiza’.)

– TABOADA: a última fin de semana do ano, o sábado 28 de decembro ás 18:00 horas no Bar ‘Mario’.

Continue reading “Carballiño, Portomarín e Taboada estarán ben ASOLAGADOS este decembro 2013!!!”

O vello Portomarín

O vello Portomarín

Estes días vimos nos xornais que o concello de Portomarín anda na procura de fotografías do vello pobo que quedou asolagado despois da construción do encoro de Belesar. Instantáneas que se colocarán nunha web para recuperar a memoria do que está afogado nas augas do Miño.

Vendo isto, lembrámonos cando a finais de marzo deste ano, dous de nós, foramos ó ‘Museo Provincial de Lugo’ para escoitar e ver  o número 32 da revista oral O Pazo das Musas que desta volta chamábase:

Nas transparencias do Miño (Memorias do vello Portomarín)

Quedamos marabillados coa música de Os Minhotos, coas imaxes esquecidas do vello Portomarín vistas en varios documentais: Lugo al día (1955), Portomarín’ (1960), El hombre y el agua (1963) e sobre todo coas fotografías de Pepe Pereira. El retratou tanto á xente recollendo as súas pertenzas, como o traslado da igrexa pedra por pedra, a auga subindo e anegando as rúas da vila, a ponte vella…

Chegamos ó acto sabendo, como é sabido por tódolos galegos, lucenses, e sobre todo ribeiraos e mariñeiros de auga doceque Portomarín foi a cola da presa, o máis grande dos pobos asolagados polo encoro de Belesar. Pero alí tamén escoitamos unha vez máis, que a súa igrexa románica de San Juan, declarada ‘Monumento Nacional’ no 1931, foi reconstruída no novo Portomarín despois de que se desmontasen e montasen unha por unha, as súas 7.484 pedras dunha vila á outra. Isto non impedíu que a vila fora anegada. Ó igual que non o fixo o feito de que en 1946 declararan á vila de Portomarín como ‘Conxunto Histórico-Artístico’.

Despois de facer un “repaso fugaz” do que tiña o vello Portomarín; só nos queda deixarvos como “conclusión” unhas imaxes de Mercedes L. Rubín e unha montaxe dela e Amio Cajander  comparando  o vello e o novo Portomarín, a ponte asolagada e a actual, o antes e o agora… Pinchade aquí: http://volviendovistaatras.blogspot.com.es/2011/08/portomarin-50-anos-despues.html