ASOLAGADOS: Making Of

Antes de comezar, darvos MILES E MILES DE GRAZAS pola acollida de ASOLAGADOS durante a estrea na Praza do Cantón de Chantada o pasado 14 de agosto.

Pouco a pouco faremos máis proxeccións e enviando o documental a festivais. Iremos informándovos. Xa sabedes que nos imos lentos, pero seguros 😉

Hoxe, para ir abrindo setembro, deixámosvos co MAKING OF’, o ‘COMO SE FIXO’, o ‘ASÍ SE GRAVOU o noso documental: ASOLAGADOS’. Aquí veredes ós nosos protagonistas: EDUARDO, ANTONIO, LUISA, SEGUNDO, AURORA, MACHINA, JOSÉ RAMÓN, FERNANDO, FIDELINA, EVANGELINA e Norman (‘Fervenza Restaurante e Casa Rural de Lugo’).  Continue reading “ASOLAGADOS: Making Of”

Advertisements

Asolagados, o trailer

Xa vos avisabamos a finais de xullo que proximamente rexurdirían do Miño os pobos asolagados polo encoro de Belesar.

E hoxe traémosvos outro “aviso”: o noso trailer para que vaiades “abrindo boca” antes da estrea de Asolagados o próximo mércores 14 de agosto, ás 22:00 horas no Cantón de Chantada. Despois disto, ídesvos perder a presentación de Asolagados? 😉

ASOLAGADOS

ASOLAGADOS Estrea Documental

‘Coa auga ó pescozo’ presenta: ASOLAGADOS.                                     Pois aquí estamos, xa era hora de que vos comunicásemos a presentación oficial do documental, a nosa data de estrea! Será dentro da ‘XX Semana de Cinema de Chantada’ (marcádeo ben no voso calendario!):

MÉRCORES 14 de AGOSTO ás 22:00 horas, Praza do CANTÓN, CHANTADA

e como vos adiantamos a principios de xullo, o documental finalmente terá un nome distinto ó blog e ó equipo (‘Coa auga ó pescozo’). ASOLAGADOS representa a todas as persoas, historias e pobos da ribeira que permanecen mergullados nas augas do noso río Miño, pero que nunca estiveron mortos e agora máis que nunca reviven para quedarse con nós para sempre.

 

Por qué un documental de pobos asolagados

2º aniversario Documental2 de xullo de 2011, ese foi o noso primeiro día de gravación e “toma de contacto” coas localizacións: en concreto, Ponte Fortes, como podedes ver na parte superior da imaxe que inserimos neste texto.

Fai xusto agora dous anos desde que comezamos esta “aventura”. Estamos de aniversario e seguimos traballando. Esta semana rematamos a nosa última gravación (parte central da fotografía) e seguimos coa montaxe (parte inferior da fotografía). Iso si, aínda que non temos un nome final para o documental; o equipo e a bitácora (blog) somos Coa auga ó pescozo, e pode ser que o título definitivo sexa este tamén… Isto non se saberá ata o final, como o nome e as facianas dos nosos 10 protagonistas. Só podemos dicir que vos vai gustar a historia que cada un deles conte, a súa historia, o seu “asolagamento persoal”. Tempo ó tempo que xa non queda nadiña!!!

Quén nos diría que íamos chegar ata aquí?  Moitas cousas nos pasaron no camiño. Algunhas malas e difíciles de afrontar, pero este proxecto soubo darnos o empuxe necesario para superalas. Algunha vez incluso fai pouco, houbo xente que nos preguntou “que era o que nos movía para facer este documental, cal era o noso OBXECTIVO”.  E esta é a resposta:

 “dar constancia da mudanza da paisaxe das ribeiras do Miño despois da construción do encoro de Belesar e preservar a memoria de tódalas persoas que se viron obrigadas a deixar todo atrás e reinventar por completo a súa vida e costumes”.

E eu persoalmente engadiría: o meu amor pola ribeira, o querer coñecer a vida a carón do río que para min estaba tan preto e á vez tan lonxe… En definitiva: desexaba empaparme de tradicións e formas de vida que fan que unha “montañesa queira ser unha ribeirá do Miño”.

Dito isto, só me queda, como fixen fai un anoagradecer ós meus amigos e compañeiros de equipo: David, Luis e Humberto, por darme esta oportunidade de descubrir este mundo ribeirao e continuar mergullada nas historias asolagadas a través dun proxecto persoal, voluntario e con moito esforzo detrás. E sobre todo, grazas a ti director, por ser o noso capitán e sabernos/saberme guiar nesta travesía que pronto chega ó seu FIN.

 

Descubre os segredos do Río Miño…

Nas augas dos ríos escóndense peixes, pedras, árbores… pero tamén camiños, lembranzas, vidas… asolagadas…

Sumérxete con nós ata as profundidades e DESCUBRE OS SEGREDOS DO MIÑO… 

PRÓXIMAMENTE…

O antes e o despois…

Si, está claro, estiven no paraíso. Sabía que estes lugares eran únicos, preciosos..así, baleiros de auga e cheos de lembranzas. Pero agora que volveu o río, o sol e o verde da paisaxe estou impresionada.

Non sei se o creou un Deus ou se sempre estivo aí. Fora o qué fora, paréceme un privilexio ter tan próximos lugares coma éstes… tan…máxicos.

Pode ser que a algunhas persoas isto non lles chame a atención porque sempre o viron deste xeito; pero eu non. Eu fai un ano camiñei polas profundidades alodadas ou xa secas e cuarteadas, toquei as pedras das casas que resistiron máis de 40 anos no fondo case que intactas, coñecín ós seus antigos habitantes que me contaron e que se emocionaron, descubrín os cangrexos de río, comín ó lado desas árbores que resisten anos e anos cubertas por grandes cantidades de auga, e incluso confeso que me trouxen para a “montaña” parte dunha cepa que alí estaba, esperando ver a luz de novo algún día…

E agora vexo todo cheo, cheo de auga… Si, está bonito, pero non podo evitar ter nostalxia polo pasado (recente no meu caso) e quedarme sen palabras para describir o que sinto ó mirar ó horizonte e darme conta que non creo que volva algún día ó fondo; e en caso de regresar xa nada será igual… Quizais agora, nunha mínima parte, comezo a darme conta do que chegarían a sentir as persoas que se viron obrigadas a deixar os lugares máis “mimosos” do mundo.

Mourulle, Ponte Mourulle coa Ponte Fortes asolagada ó fondo, e Porto visto desde o lado chantadino do río. O antes e o despois do asolagamento en pleno século XXI.

Moitas grazas: David, Humber e Luis; por ensinarme o camiño ó paraíso asolagado e por compartir tantas gravacións e momentos irrepetibles desde fai xa case un ano.