A Ribeira

Para algunhas persoas o seu país é España, para outras Galicia, e hai xente que ‘non ten país’, que di ser simplemente cidadán do mundo.
Se eu tivera que describir de ónde son, mellor directamente preguntaríalle ós demais: ós que me coñecen moito ou pouco porque rapidamente responderían:
de CHANTADA, ‘Corazón de Galicia’ Esta é a miña terra, o meu país, a miña xente que levo no corazón, que non é peor nin mellor ca outros, pero que defendo con unllas e dentes porque é onde “nacín” e onde “pacín”; como se diría lembrándome do refrán.
E paradoxalmente, eu, que son “montañesa”, como diría un dos nosos protagonistas que coñeceredes no seu momento; sempre adorei a Ribeira, a nosa Ribeira Sacra en xeral, e a chantadina en particular …
A verdade é que teño estado en case tódalas ‘Feiras do Viño’ desde que nacín. E espero estar na deste ano que se celebra en breves: 9, 10 e 11 de marzo, pero realmente non entendo moito de viños. Estou comezando a aprender a saborealos. Co paso dos anos un vai preparando o padal para apreciar as cousas boas.
Moitas veces oín ó meu pai falar de cómo se poda, da trasfega, do bullo… verbas todas elas relacionadas co proceso de elaboración do caldo, pero nunca estiven presente nelas. Poucas veces fun á vendima dalgún coñecido, porque como dixen antes: son “monañesa” e sen ribeira…
E sen embargo algo hai aló abaixo preto do río Miño que me chama continuamente para que vaia visitar esa paisaxe, coñecer toda a súa historia e segredos… Pouco a pouco vou coñecendo todo o que mostra a Ribeira, o xeral, e cada vez máis os detalles pequenos…
Algún día plantarei vides, podarei as cepas, recollerei as uvas e prepararei un viño “made in feito en Pereira” , pero namentres voume conformando con ir bebendo os nosos mencías e facendo documentais cos que intentar desenterrar o mergullado pola auga na Ribeira que rodea a todo o encoro de Belesar (que xa non é pouco).