Por qué un documental de pobos asolagados

2º aniversario Documental2 de xullo de 2011, ese foi o noso primeiro día de gravación e “toma de contacto” coas localizacións: en concreto, Ponte Fortes, como podedes ver na parte superior da imaxe que inserimos neste texto.

Fai xusto agora dous anos desde que comezamos esta “aventura”. Estamos de aniversario e seguimos traballando. Esta semana rematamos a nosa última gravación (parte central da fotografía) e seguimos coa montaxe (parte inferior da fotografía). Iso si, aínda que non temos un nome final para o documental; o equipo e a bitácora (blog) somos Coa auga ó pescozo, e pode ser que o título definitivo sexa este tamén… Isto non se saberá ata o final, como o nome e as facianas dos nosos 10 protagonistas. Só podemos dicir que vos vai gustar a historia que cada un deles conte, a súa historia, o seu “asolagamento persoal”. Tempo ó tempo que xa non queda nadiña!!!

Quén nos diría que íamos chegar ata aquí?  Moitas cousas nos pasaron no camiño. Algunhas malas e difíciles de afrontar, pero este proxecto soubo darnos o empuxe necesario para superalas. Algunha vez incluso fai pouco, houbo xente que nos preguntou “que era o que nos movía para facer este documental, cal era o noso OBXECTIVO”.  E esta é a resposta:

 “dar constancia da mudanza da paisaxe das ribeiras do Miño despois da construción do encoro de Belesar e preservar a memoria de tódalas persoas que se viron obrigadas a deixar todo atrás e reinventar por completo a súa vida e costumes”.

E eu persoalmente engadiría: o meu amor pola ribeira, o querer coñecer a vida a carón do río que para min estaba tan preto e á vez tan lonxe… En definitiva: desexaba empaparme de tradicións e formas de vida que fan que unha “montañesa queira ser unha ribeirá do Miño”.

Dito isto, só me queda, como fixen fai un anoagradecer ós meus amigos e compañeiros de equipo: David, Luis e Humberto, por darme esta oportunidade de descubrir este mundo ribeirao e continuar mergullada nas historias asolagadas a través dun proxecto persoal, voluntario e con moito esforzo detrás. E sobre todo, grazas a ti director, por ser o noso capitán e sabernos/saberme guiar nesta travesía que pronto chega ó seu FIN.