ASOLAGADOS en A Pobra do Brollón, Santiago de Compostela, A Coruña e MADRID 2014!!!

Moi Feliz Ano a tod@s ribeiraos!!!

Esperamos que forades moi bos e que o Papa Noel, Apalpador e/ou Reis, se portasen moi ben con vós 😉

Ultimamente estamos moi atarefados a nivel profesional (cousa que se agradece moito nos tempos que corren). Húmber e Luis volveron ós seus traballos despois das vacacións. O director e Lucía, unha das nosas colaboradoras, convertíronse en socios na procura de novas aventuras audiovisuais. (Moita sorte!). E eu ando descubrindo novos camiños.  A ver no dá todo isto e espero que me siga permitindo seguir falándovos de #Asolagados de vez en cando.

Pero hoxe non viñen por aquí para falarvos de min nin das nosas vidas. Isto non é o lugar. Aquí o primordial son os nosos protagonistas e o noso “fillo” #Asolagados!

E hoxe tráemosvos o agasallo de Reis prometido. As proxeccións de #Asolagados para xaneiro e febreiro (as que hai por agora confirmadas).

Anotade ben porque entre elas hai unha que costou, pero aquí está: fóra de Galicia!!!

A Pobra do Brollón  11 xaneiro 2014 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ ás 20:00 horas

Santiago de Compostela  18 xaneiro 2014 Museo do Pobo Galego ás 17:00 h.

MADRID 27 xaneiro 2014 na Casa de Galicia ás 19:00 h.

Coruña 8 febreiro 2014 no CGAI ás 18:00 h.

DOCUMENTAL ASOLAGADOS tagxedo2

Estamos contentísimos sempre por cada proxección que facemos, pero a de MADRID é especial. Levar o documental para que a xente o vexa alí vai ser incrible! Porque levámonos #Asolagados subtitulado así que tanto galegos como non galegos poderedes vir a velo.

A que esperades? Vide e/ou avisade a tódolos vosos amig@s e familia a que veñan ver o documental que por falta de pobo/cidade onde ir a velo non será!

Seguide atentos ó noso facebook e twitter porque segundo se achegue cada unha delas xa vos informamos a través das nosas redes coma sempre 🙂

ASOLAGADOS: Making Of

Antes de comezar, darvos MILES E MILES DE GRAZAS pola acollida de ASOLAGADOS durante a estrea na Praza do Cantón de Chantada o pasado 14 de agosto.

Pouco a pouco faremos máis proxeccións e enviando o documental a festivais. Iremos informándovos. Xa sabedes que nos imos lentos, pero seguros 😉

Hoxe, para ir abrindo setembro, deixámosvos co MAKING OF’, o ‘COMO SE FIXO’, o ‘ASÍ SE GRAVOU o noso documental: ASOLAGADOS’. Aquí veredes ós nosos protagonistas: EDUARDO, ANTONIO, LUISA, SEGUNDO, AURORA, MACHINA, JOSÉ RAMÓN, FERNANDO, FIDELINA, EVANGELINA e Norman (‘Fervenza Restaurante e Casa Rural de Lugo’).  Continue reading “ASOLAGADOS: Making Of”

Asolagados, o trailer

Xa vos avisabamos a finais de xullo que proximamente rexurdirían do Miño os pobos asolagados polo encoro de Belesar.

E hoxe traémosvos outro “aviso”: o noso trailer para que vaiades “abrindo boca” antes da estrea de Asolagados o próximo mércores 14 de agosto, ás 22:00 horas no Cantón de Chantada. Despois disto, ídesvos perder a presentación de Asolagados? 😉

Fernando Morán, a voz en off!

David director e Fernando Morán

Fáltannos sete días para a estrea e andamos a correr dun sitio para outro cos últimos arranxos.

Un destes foi a voz en off! Para este labor, escollemos a Fernando Morán, coñecido actor da escena galega, que xa anteriormente viñera facer varias curtas a Chantada co noso director.

Para nós foi un pracer escoitar como narraba o guión. Xa non queda nada para que o desfrutedes vós tamén!

ASOLAGADOS

ASOLAGADOS Estrea Documental

‘Coa auga ó pescozo’ presenta: ASOLAGADOS.                                     Pois aquí estamos, xa era hora de que vos comunicásemos a presentación oficial do documental, a nosa data de estrea! Será dentro da ‘XX Semana de Cinema de Chantada’ (marcádeo ben no voso calendario!):

MÉRCORES 14 de AGOSTO ás 22:00 horas, Praza do CANTÓN, CHANTADA

e como vos adiantamos a principios de xullo, o documental finalmente terá un nome distinto ó blog e ó equipo (‘Coa auga ó pescozo’). ASOLAGADOS representa a todas as persoas, historias e pobos da ribeira que permanecen mergullados nas augas do noso río Miño, pero que nunca estiveron mortos e agora máis que nunca reviven para quedarse con nós para sempre.

 

Pepe e a igrexa de Belesar

Avó Eladio OsorioHai uns días chegounos unha pequena historia a través dun dos nosos seguidores, Eladio Osorio Montenegro, e a nós gustounos para difundila través do noso blog e á súa vez para facerlle unha pequena “homenaxe” ó seu avó: Pepe Montenegro Goy.

O mesmo Eladio é o que nos conta o relato:

“Cando se estaba a construír a presa dos Peares, e ante o asolagamento do antigo Belesar, decidiuse reconstruír o pobo máis arriba e trasladar a igrexa.

Meu avó foi un dos que traballou na mudanza e novo levantamento de dita igrexa. Entrementres a ían reconstruíndo, había dous compañeiros que tódolos días rifaban entre eles porque querían ser os primeiros en toca-las campás cando o templo estivera rematado. E entre os demais traballadores decidiron que o que ofrecese unha mellor merenda para todos, acabaría sendo o gañador para repenicar as campás… Debido a que estes dous personaxes non paraban de discutir; o meu avó, xa farto de tanta leria, subiu ó campanario sen que ninguén o vise e púxose el mesmo a bater con forza as campás da igrexa. E coa mesma, díxolles ó resto: “Veña, acabouse a disputa, a seguir traballando todos”.

E esta é a historia de Pepe Montenegro Goy, o primeiro en tocar as campás da “nova” igrexa de Belesar, cambiada de lugar por mor do alagamento producido pola presa dos Peares, unha das máis antigas de Galicia; que se comezou a edificar no 1947 e foi finalmente inaugurada no 1955.

E como xa comentamos varias veces, se alguén máis nos quere facer chegar a súa historia e/ou reflexión sobre a ribeira, o río ou os encoros, pode facelo a través de calquera das nosas canles:

https://coaaugaopescozo.com/;           https://www.facebook.com/coaaugaopescozo; https://twitter.com/coaaugaopescozo; https://www.youtube.com/user/coaaugaopescozo/videos

ou do noso correo electrónico: coaaugaopescozo@gmail.com

 

Proximamente…….. desde o Miño, rexurdirán os asolagados por Belesar