Por qué un documental de pobos asolagados

2º aniversario Documental2 de xullo de 2011, ese foi o noso primeiro día de gravación e “toma de contacto” coas localizacións: en concreto, Ponte Fortes, como podedes ver na parte superior da imaxe que inserimos neste texto.

Fai xusto agora dous anos desde que comezamos esta “aventura”. Estamos de aniversario e seguimos traballando. Esta semana rematamos a nosa última gravación (parte central da fotografía) e seguimos coa montaxe (parte inferior da fotografía). Iso si, aínda que non temos un nome final para o documental; o equipo e a bitácora (blog) somos Coa auga ó pescozo, e pode ser que o título definitivo sexa este tamén… Isto non se saberá ata o final, como o nome e as facianas dos nosos 10 protagonistas. Só podemos dicir que vos vai gustar a historia que cada un deles conte, a súa historia, o seu “asolagamento persoal”. Tempo ó tempo que xa non queda nadiña!!!

Quén nos diría que íamos chegar ata aquí?  Moitas cousas nos pasaron no camiño. Algunhas malas e difíciles de afrontar, pero este proxecto soubo darnos o empuxe necesario para superalas. Algunha vez incluso fai pouco, houbo xente que nos preguntou “que era o que nos movía para facer este documental, cal era o noso OBXECTIVO”.  E esta é a resposta:

 “dar constancia da mudanza da paisaxe das ribeiras do Miño despois da construción do encoro de Belesar e preservar a memoria de tódalas persoas que se viron obrigadas a deixar todo atrás e reinventar por completo a súa vida e costumes”.

E eu persoalmente engadiría: o meu amor pola ribeira, o querer coñecer a vida a carón do río que para min estaba tan preto e á vez tan lonxe… En definitiva: desexaba empaparme de tradicións e formas de vida que fan que unha “montañesa queira ser unha ribeirá do Miño”.

Dito isto, só me queda, como fixen fai un anoagradecer ós meus amigos e compañeiros de equipo: David, Luis e Humberto, por darme esta oportunidade de descubrir este mundo ribeirao e continuar mergullada nas historias asolagadas a través dun proxecto persoal, voluntario e con moito esforzo detrás. E sobre todo, grazas a ti director, por ser o noso capitán e sabernos/saberme guiar nesta travesía que pronto chega ó seu FIN.

 

Advertisements

O antes e o despois…

Si, está claro, estiven no paraíso. Sabía que estes lugares eran únicos, preciosos..así, baleiros de auga e cheos de lembranzas. Pero agora que volveu o río, o sol e o verde da paisaxe estou impresionada.

Non sei se o creou un Deus ou se sempre estivo aí. Fora o qué fora, paréceme un privilexio ter tan próximos lugares coma éstes… tan…máxicos.

Pode ser que a algunhas persoas isto non lles chame a atención porque sempre o viron deste xeito; pero eu non. Eu fai un ano camiñei polas profundidades alodadas ou xa secas e cuarteadas, toquei as pedras das casas que resistiron máis de 40 anos no fondo case que intactas, coñecín ós seus antigos habitantes que me contaron e que se emocionaron, descubrín os cangrexos de río, comín ó lado desas árbores que resisten anos e anos cubertas por grandes cantidades de auga, e incluso confeso que me trouxen para a “montaña” parte dunha cepa que alí estaba, esperando ver a luz de novo algún día…

E agora vexo todo cheo, cheo de auga… Si, está bonito, pero non podo evitar ter nostalxia polo pasado (recente no meu caso) e quedarme sen palabras para describir o que sinto ó mirar ó horizonte e darme conta que non creo que volva algún día ó fondo; e en caso de regresar xa nada será igual… Quizais agora, nunha mínima parte, comezo a darme conta do que chegarían a sentir as persoas que se viron obrigadas a deixar os lugares máis “mimosos” do mundo.

Mourulle, Ponte Mourulle coa Ponte Fortes asolagada ó fondo, e Porto visto desde o lado chantadino do río. O antes e o despois do asolagamento en pleno século XXI.

Moitas grazas: David, Humber e Luis; por ensinarme o camiño ó paraíso asolagado e por compartir tantas gravacións e momentos irrepetibles desde fai xa case un ano.

Non só os medios escritos se fixeron eco da noticia…

O Expreso de Medianoite da Radio Galega parou na nosa Ribeira para falar con David, o director, sobre os pobos asolagados polas augas.

Moitas grazas Victoria Rodríguez por chegar co teu tren ao noso documental, e ó resto de medios que nos adican o seu tempo… todos sodes parte desto coa vosa aportación.

[audio http://www.crtvg.es/podcast_rg/0088/0088_20120122000500.mp3|titles=Programa Expreso de medianoite|artists=Radio Galega]

http://www.crtvg.es/rg/podcast/expreso-de-medianoite-expreso-de-medianoite-do-dia-22-01-2012-221392

O diario En Comun tamen se fai eco da nova

http://www.encomun.es/?p=3846

‘Coa auga ao pescozo’

• Outra das aventuras lévanos ás terras encoradas pola presa da central hidroeléctrica de Belesar en forma de documental audiovisual. Catro mozos da comarca de Chantada viron unha oportunidade na histórica baixada do caudal do río Miño nas terras polas que descende encorado para relatar coma en ningún outro momento se podería facer, o drama dos pobos asolagados pola chegada do mundo moderno e eléctrico. Abideira, Porto, Castro Candaz, Santa Marta, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida, Ribó e moitos outros lugares quedaron nos pasados meses ao descuberto devolvendo ao pasado a moitos dos veciños que os habitaron hai máis de 50 anos e que contan vivencias inéditas neste documental coma a vida antes do encoro, a emigración “da ribeira á montaña” e múltiples anécdotas. A rodaxe ven de ser rematada recentemente e queda por diante montar horas e horas de gravación para sacar á luz o traballo durante este ano 2012. David Vázquez, Luis García, Humberto Novoa e Cristina López están a realizar este documental en colaboración coa Asociación Educativo-Cultural Airoá Comunicación e con TELEVINTE Chantada Comunicación S.L.

O equipo chantadino do documental ‘Coa Auga ó Pescozo’ .