Fernando Morán, a voz en off!

David director e Fernando Morán

Fáltannos sete días para a estrea e andamos a correr dun sitio para outro cos últimos arranxos.

Un destes foi a voz en off! Para este labor, escollemos a Fernando Morán, coñecido actor da escena galega, que xa anteriormente viñera facer varias curtas a Chantada co noso director.

Para nós foi un pracer escoitar como narraba o guión. Xa non queda nada para que o desfrutedes vós tamén!

Advertisements

ASOLAGADOS

ASOLAGADOS Estrea Documental

‘Coa auga ó pescozo’ presenta: ASOLAGADOS.                                     Pois aquí estamos, xa era hora de que vos comunicásemos a presentación oficial do documental, a nosa data de estrea! Será dentro da ‘XX Semana de Cinema de Chantada’ (marcádeo ben no voso calendario!):

MÉRCORES 14 de AGOSTO ás 22:00 horas, Praza do CANTÓN, CHANTADA

e como vos adiantamos a principios de xullo, o documental finalmente terá un nome distinto ó blog e ó equipo (‘Coa auga ó pescozo’). ASOLAGADOS representa a todas as persoas, historias e pobos da ribeira que permanecen mergullados nas augas do noso río Miño, pero que nunca estiveron mortos e agora máis que nunca reviven para quedarse con nós para sempre.

 

De montaxe e de Ribeira (Sacra)

Mapa Asolagados EncorosCada vez estamos máis preto do día da estrea. Achégase o verán (aínda que non o pareza polo tempo), e con el a “presentación en sociedade” do noso fillo: o DOCUMENTAL 

Namentres, nós seguimos traballando…

Por exemplo, esta fin de semana pasada, David estivo corrixindo uns planos da primeira secuencia… e aiii…quedamos abraiados.! Viramos varias montaxes de outras escenas, pero é que esta… Si, esta é especial: polo ritmo dos planos, polas caras dos protagonistas que transmiten tanto sen dicir nada, pola música que nos compuxo Chechu…De feito, aínda non tivemos tempo a ensinárvolo e intentaremos que sexa o máis pronto posible; pero é que esta segunda parte da B.S.O. que fixo para o documental é mellor aínda se cabe que a primeira.

E á vez que o director unía historias asolagadas, eu funme de “ruta de produción” pola Ribeira Sacra. Xa vedes, unha que é aventureira, non pode estarse quieta e que busca redescubrir máis e máis da súa querida terra e ribeira. E qué mellor que facelo se hai un motivo coma o noso proxecto! Ademais, como ben sabedes: “as cousas que temos preto moitas veces son as que, tristemente, menos coñecemos, visitamos e valoramos”.

E a onde fun? Pois non moi lonxe: ó concello do Saviñao, ó ECOMUSEO DE ARXERIZ www.sotodefion.org/ecomuseo.htm, o cal se sitúa pretiño de Escairón dirección ‘Igrexa da Cova’, e trata de divulgar o patrimonio natural, histórico e cultural da Ribeira Sacra.

E que fixen alí? Pois moitas cousas… Algunhas delas foron coñecer o Ecomuseo (porque xa vos digo, o que está preto é o menos coñecido, e para min era a primeira vez); darme aínda máis conta da gran importancia do RÍO como xermolo da Ribeira e da vida a carón del e do que mudou todo coa construción das presas, aprender máis sobre a viticultura (Por exemplo: para min os socalcos son MURAS, para un de Sober MUROS, e para os da Peroxa, CALZADAS) e desfrutar coma unha cativa pícara da maqueta que hai na parte de abaixo do museo, a cal representada en escala toda a Ribeira Sacra: ríos Miño e Sil, encoros, pobos (os asolagados tamén aparecen), igrexas románicas, santuarios… Encendendo e apagando luces pasei alí bo tempo “situando cada cousa no seu lugar” e claro, no meu caso fixeime moito en MOURULLE e PORTO.

Eu aconséllovos que o visitedes. Pinchade AQUÍ: www.sotodefion.org/horario.htm para ver horarios e teléfono (e por certo, a rapaza que me fixo o percorrido polo Ecomuseo explicoumo ben e de xeito moi agradable, o cal se agradece moito).

E para rematar, dicirvos que a fotografía que acompaña este texto é un ‘Mapa dos Pobos Asolagados polos Encoros’ que podedes ver a través deste link: www.sotodefion.org/pobos.htm e descubrir máis pinchando en cada un deles.

Afonso Eiré, Pucheiro, o noso guionista!

Como todo o mundo, nós tamén temos “pequenos segredos” que queremos ir desvelando pouco a pouco. Desta vez imos dar a coñecer quén é o GUIONISTA do noso documental sobre os pobos que foron asolagados polo encoro de Belesar.

Trátase de AFONSO EIRÉ, coñecido tamén como PUCHEIRO. Ata agora aínda non o mencionáramos, pero leva colaborando con nós desde o pasado ano 2012.

Eiré é natural do corazón de Galicia, Chantada. Xornalista, escritor de varios libros, ex-director de A nosa Terra e agora tamén guionista e compañeiro noso.

Ultimamente xa o viramos en Televinte falando sobre as Historias segredas da presa de Belesar e fai uns días oímolo a través de Radio Cerna, un espazo radiofónico de ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, especializado na temática medioambiental e ecoloxista na comunidade galega.

Neste link: http://www.ivoox.com/a-historia-desconecida-do-encoro-belesar-audios-mp3_rf_1929971_1.html, podedes escoitar a entrevista de 10 minutos que lle fixeron a Afonso. Nela fala, entre outras cousas relativas ó levantamento do salto de Belesar, sobre o qué era o río para as persoas que vivían neses pobos que logo foron asolagados; o que cambiou a carón da ribeira do río Miño despois da construción do mesmo, e dos diferentes lugares que se anegaron; xa que case todo o mundo coñece Portomarín, pero non se lembra dos pobos ós que nós lles damos voz: Porto, Mourulle, Portomeñe

Descubre os segredos do Río Miño…

Nas augas dos ríos escóndense peixes, pedras, árbores… pero tamén camiños, lembranzas, vidas… asolagadas…

Sumérxete con nós ata as profundidades e DESCUBRE OS SEGREDOS DO MIÑO… 

PRÓXIMAMENTE…