ASOLAGADOS

ASOLAGADOS Estrea Documental

‘Coa auga ó pescozo’ presenta: ASOLAGADOS.                                     Pois aquí estamos, xa era hora de que vos comunicásemos a presentación oficial do documental, a nosa data de estrea! Será dentro da ‘XX Semana de Cinema de Chantada’ (marcádeo ben no voso calendario!):

MÉRCORES 14 de AGOSTO ás 22:00 horas, Praza do CANTÓN, CHANTADA

e como vos adiantamos a principios de xullo, o documental finalmente terá un nome distinto ó blog e ó equipo (‘Coa auga ó pescozo’). ASOLAGADOS representa a todas as persoas, historias e pobos da ribeira que permanecen mergullados nas augas do noso río Miño, pero que nunca estiveron mortos e agora máis que nunca reviven para quedarse con nós para sempre.

 

Advertisements

Pepe e a igrexa de Belesar

Avó Eladio OsorioHai uns días chegounos unha pequena historia a través dun dos nosos seguidores, Eladio Osorio Montenegro, e a nós gustounos para difundila través do noso blog e á súa vez para facerlle unha pequena “homenaxe” ó seu avó: Pepe Montenegro Goy.

O mesmo Eladio é o que nos conta o relato:

“Cando se estaba a construír a presa dos Peares, e ante o asolagamento do antigo Belesar, decidiuse reconstruír o pobo máis arriba e trasladar a igrexa.

Meu avó foi un dos que traballou na mudanza e novo levantamento de dita igrexa. Entrementres a ían reconstruíndo, había dous compañeiros que tódolos días rifaban entre eles porque querían ser os primeiros en toca-las campás cando o templo estivera rematado. E entre os demais traballadores decidiron que o que ofrecese unha mellor merenda para todos, acabaría sendo o gañador para repenicar as campás… Debido a que estes dous personaxes non paraban de discutir; o meu avó, xa farto de tanta leria, subiu ó campanario sen que ninguén o vise e púxose el mesmo a bater con forza as campás da igrexa. E coa mesma, díxolles ó resto: “Veña, acabouse a disputa, a seguir traballando todos”.

E esta é a historia de Pepe Montenegro Goy, o primeiro en tocar as campás da “nova” igrexa de Belesar, cambiada de lugar por mor do alagamento producido pola presa dos Peares, unha das máis antigas de Galicia; que se comezou a edificar no 1947 e foi finalmente inaugurada no 1955.

E como xa comentamos varias veces, se alguén máis nos quere facer chegar a súa historia e/ou reflexión sobre a ribeira, o río ou os encoros, pode facelo a través de calquera das nosas canles:

https://coaaugaopescozo.com/;           https://www.facebook.com/coaaugaopescozo; https://twitter.com/coaaugaopescozo; https://www.youtube.com/user/coaaugaopescozo/videos

ou do noso correo electrónico: coaaugaopescozo@gmail.com

 

Por qué un documental de pobos asolagados

2º aniversario Documental2 de xullo de 2011, ese foi o noso primeiro día de gravación e “toma de contacto” coas localizacións: en concreto, Ponte Fortes, como podedes ver na parte superior da imaxe que inserimos neste texto.

Fai xusto agora dous anos desde que comezamos esta “aventura”. Estamos de aniversario e seguimos traballando. Esta semana rematamos a nosa última gravación (parte central da fotografía) e seguimos coa montaxe (parte inferior da fotografía). Iso si, aínda que non temos un nome final para o documental; o equipo e a bitácora (blog) somos Coa auga ó pescozo, e pode ser que o título definitivo sexa este tamén… Isto non se saberá ata o final, como o nome e as facianas dos nosos 10 protagonistas. Só podemos dicir que vos vai gustar a historia que cada un deles conte, a súa historia, o seu “asolagamento persoal”. Tempo ó tempo que xa non queda nadiña!!!

Quén nos diría que íamos chegar ata aquí?  Moitas cousas nos pasaron no camiño. Algunhas malas e difíciles de afrontar, pero este proxecto soubo darnos o empuxe necesario para superalas. Algunha vez incluso fai pouco, houbo xente que nos preguntou “que era o que nos movía para facer este documental, cal era o noso OBXECTIVO”.  E esta é a resposta:

 “dar constancia da mudanza da paisaxe das ribeiras do Miño despois da construción do encoro de Belesar e preservar a memoria de tódalas persoas que se viron obrigadas a deixar todo atrás e reinventar por completo a súa vida e costumes”.

E eu persoalmente engadiría: o meu amor pola ribeira, o querer coñecer a vida a carón do río que para min estaba tan preto e á vez tan lonxe… En definitiva: desexaba empaparme de tradicións e formas de vida que fan que unha “montañesa queira ser unha ribeirá do Miño”.

Dito isto, só me queda, como fixen fai un anoagradecer ós meus amigos e compañeiros de equipo: David, Luis e Humberto, por darme esta oportunidade de descubrir este mundo ribeirao e continuar mergullada nas historias asolagadas a través dun proxecto persoal, voluntario e con moito esforzo detrás. E sobre todo, grazas a ti director, por ser o noso capitán e sabernos/saberme guiar nesta travesía que pronto chega ó seu FIN.

 

ACEREDO 2012-1992

Despois dunha fin de semana descubrindo entre numeroso público, algunha das ‘Historias segredas do encoro de Belesar’ da man do xornalista Alfonso Eiré, lemos diferentes blogs sobre pobos asolagados e algunha nova moi actual e próxima que dan conta de que desgraciadamente este tema está “demasiado de moda” nos últimos tempos.

El Mundo Rosa González

Comezando polo último;  estes días saíu na prensa que un municipio ourensano de “70 casas e 120 almas”ACEREDO (Lobios – Ourense), viu de novo á luz tras vinte anos soterrado, debido ó descenso do nivel da auga do encoro de Lindoso que lle afecta, pero que está en territorio próximo portugués.

O que chama a atención realmente desta “re-aparición” do pobo é que este mesmo e outros da zona (Buscalque, O Bao, A Reloeira e Lantemil) non foron asolagados fai medio século cando comezou o boom da construcción das presas. Non, desta vez a orixe do proxecto foi na época das ditaduras española e portuguesa (cun pacto entre Franco e Salazar), e sen embargo a edificación do encoro non comezou e incriblemente retomouse en plena democracia, no 1992, con expropiación forzosa e con gran oposición veciñal, que finalmente non serviu para nada.

E como di algunha das afectadas deste alagamento:

“Nació un Aceredo nuevo más arriba, pero quedamos en el aire para siempre”

Para máis información detallada e moi ben explicada: http://bordejar.com/series/lindoso/

Por outra banda, como comentabamos ó principio, consultamos diferentes blogs sobre ‘pobos asolagados’ e atopámonos con este que de xeito resumido fálanos de lugares da xeografía española que desapareceron baixo as augas:

http://curiososincompletos.wordpress.com/2012/09/15/iberia-sumergida-pueblos-desaparecidos-bajo-las-aguas/

Os pobos que nomea son os seguintes:

LUCERNA (Zamora)

CARUCEDO (León)

MANSILLA DE LA SIERRA (La Rioja)

TRAGÓ DE LA NOGUERA (Lleida)

PEÑARRUBIA (Málaga)

Coma se pode ler dentro do artigo; deixámosvos algunhas das frases máis emotivas que relatan o abandono forzoso por parte dos veciños provocado pola construción dos respectivos encoros:

“La falta de previsión en la construcción del nuevo poblado provocó historias llenas de dramatismo en la salida de las familias que todavía residían en el pueblo. La gente tuvo que marchar, algunos fueron a Logroño y otros, los más pudientes, emigraron a Madrid y Barcelona. A los que se quedaron en el pueblo nuevo, construido a escasos 300 m. del embalse, se les llegó a pedir hasta 300.000 pts. de la época (año 1.960) por las nuevas casas. (Mansilla de la Sierra – La Rioja)

“Algunos se han atrevido a bajar y han paseado entre las ruinas y lo que más les llama la atención es cómo se han conservado las maderas de las vigas, después de cuarenta y nueve años sumergidas. (Peñarrubia – Málaga)

Resistiré, resistiré…

Artieda.Pantano Yesa.El Ventano

…coma di a canción… Nunha época na que as reivindicacións e os movementos cidadáns de todo tipo son o “pan de cada día”, facémonos eco dunha noticia que fala sobre a defensa que están facendo actualmente os veciños da localidade zaragozana de Artieda, para frear as obras de recrecemento do encoro de Yesa e con elo evitar perder as súas terras de cultivo e tamén parte do seu patrimonio monumental.

Segundo a fonte consultada ningún veciño acepta a expropiación das terras de forma voluntaria impedíndolles o acceso ós técnicos da CHE (Confederación Hidrográfica del Ebro). Estes mesmos habitantes e diferentes colectivos de Aragón e outras comunidades queren parar o recrecemento dunha presa que din non é necesaria debido a que na actualidade nin sequera se enche e porque xa sufriron esta mesma situación no 1960 vendo os seus terreos asolagados pola auga.

Para máis información: http://www.elventano.blogspot.com.es/2012/10/la-batalla-de-artieda.html.

E xa que falamos de ‘reivindicacións veciñais’ deixámosvos aquí información dunha que seguro vos soa e coñecedes: a MINA DE OURO DE CORCOESTO (Cabana de Bergantiños-A Coruña) http://genteconconciencia.es/blog/?p=6336, para que vexades cómo e por qué uns están a favor da explotación da mina e outros non.

Con este novo post “volvemos” (aínda que nunca nos fomos) despois dunha tempada longa de non pasarnos por aquí; pero sen deixar de seguir co noso traballo. Aínda que como xa se sabe, as cousas ás veces non sempre son como un quere nin avanzan do xeito desexado. O importante é seguir aí, pouco a pouco, facendo o camiño. E nesas andamos, desenvolvendo o guión e dándolle voltas á montaxe… Así que… NON NOS PERDADES DE VISTA PORQUE MÁIS CEDO OU MÁIS TARDE CONTARÉMOSVOS MÁIS NOVAS.