Etiquetas
asolagamento, gravacións, lembranzas, Mourulle, paisaxe, paraíso, Ponte Fortes, Ponte Mourulle, Porto, río
Si, está claro, estiven no paraíso. Sabía que estes lugares eran únicos, preciosos..así, baleiros de auga e cheos de lembranzas. Pero agora que volveu o río, o sol e o verde da paisaxe estou impresionada.
Non sei se o creou un Deus ou se sempre estivo aí. Fora o qué fora, paréceme un privilexio ter tan próximos lugares coma éstes… tan…máxicos.
Pode ser que a algunhas persoas isto non lles chame a atención porque sempre o viron deste xeito; pero eu non. Eu fai un ano camiñei polas profundidades alodadas ou xa secas e cuarteadas, toquei as pedras das casas que resistiron máis de 40 anos no fondo case que intactas, coñecín ós seus antigos habitantes que me contaron e que se emocionaron, descubrín os cangrexos de río, comín ó lado desas árbores que resisten anos e anos cubertas por grandes cantidades de auga, e incluso confeso que me trouxen para a “montaña” parte dunha cepa que alí estaba, esperando ver a luz de novo algún día…
E agora vexo todo cheo, cheo de auga… Si, está bonito, pero non podo evitar ter nostalxia polo pasado (recente no meu caso) e quedarme sen palabras para describir o que sinto ó mirar ó horizonte e darme conta que non creo que volva algún día ó fondo; e en caso de regresar xa nada será igual… Quizais agora, nunha mínima parte, comezo a darme conta do que chegarían a sentir as persoas que se viron obrigadas a deixar os lugares máis “mimosos” do mundo.
Mourulle, Ponte Mourulle coa Ponte Fortes asolagada ó fondo, e Porto visto desde o lado chantadino do río. O antes e o despois do asolagamento en pleno século XXI.
Moitas grazas: David, Humber e Luis; por ensinarme o camiño ó paraíso asolagado e por compartir tantas gravacións e momentos irrepetibles desde fai xa case un ano.






